A muller loba - Peeiros dos lobos
En Os Blancos a a lenda do lobishome, aparece
con protagonista feminino: unha moza de Loureses (Aguis) apresenta extraordinario
pendor a comer carne. Un día o seu pai, enrabexado, ameázaa
con mandala a ir comer carne cos lobos ao monte Aquela mesma noite
a rapaza desaparece e comeza a cometer asasinatos de persoas, chegando
a ser capitana dos lobos. Co percurso do tempo atinxe tal sobranceo
sobre os propios lobos que, mesmo estando so forma de muller, impídelles
aos animais realizaren maldades. Virou definitivamente ser humano no día
en que, indo aun muíño para comer fariña, ao meter
a pata por debaixo da porta, o muiñeiro que alí se encontraba
deulle unha coitelada, xa que o feito de ferir a quen se acha doente de
licantropía supón devolvelo ao entorno dos humanos.
Outra liña do relato dá por certo
que a tal moza non é a manifestación feminina dun lobishome,
senón o que se coñece baixo o nome de peeiro (ou peeira)
dos lobos.
O peeiro dos lobos é a persoa que, sin perder
a figura de home, anda cos lobos e fai vida coíles, entende a súa
fala, faise seu xefe, dispón as súas expediciós, salva
a outras persoas acometidas por eles, oblígaos a acompañalas,
xanta do que xantan os lobos, etc.
Moitas veces é unha rapaza. Cóntase
dunha, na provincia de Lugo, que fuxíu da casa e vivía nunha
cova, no monte, obedecida por todolos lobos daquela terra. Ela coidábaos,
curáballes as feridas, alimentaba ós lobiños pequenos
e non quería de ningunha maneira que a descubrisen, e así,
ninguén sabía dela. Un día, un mozo que ía
de camiño, encontrouna e fíxolle un servicio, polo cual,
a peeira dos lobos deulle de cear na súa cova e mandouno prá
súa casa defendido por catro lobos que metían medo, mais
esixíndolle o maor segredo. Non tardóu o mozo en referir
segredamente a outro a súa aventura, e, en castigo, a primeira vez
que saíu de noite, devorárono os lobos, de onde se deduce
- o mesmo que acontece en innumerábeis relatos referidos aos mouros-
as fatais consecuencias de non gardar o silencio e o segredo esixidos no
que actos extranaturais se refire. Tamén baixo forma feminina, quer
dicir, como peeira ou pieira dos lobos, aparece esta figura
en terras de Cotobade. Alí coñécese o caso dunha muller
que garda os lobos e que, para poder mantelos, pide esmola. Esta muller
levaba unha vara de ferro e podíaselle ver coa roupa rota polas
gadoupadas que lle daban os animais. Coñécese o caso dun
home que, na noite, albisca unha fogueira no monte e diríxese a
ela na crenza de que se trata de pastores. Cando chega, ve unha muller
rodeada de varios lobos, aos que cunha orde a muller aquieta, impedindo
aos animais danaren o home.
"Etnografía.
Cultura espiritual" - Vicente Risco
Guía da Galiza
Máxica - Vitor Vaqueiro
Lendas Galegas de
Tradición Oral - González Reboredo
Páxina anterior
Escribeme!...