O lobo da xente
Para certas persoas tratábase dun verdadeiro
lobo que se afixera a comer carne humana, mentres para outras era un lobishome,
até o punto de o confundiren co chamado home-lobo de Allariz
A orixe da mudanza en lobo sobrevén, como
acontece noutros casos, por culpa da maldición paterna. Perante
a escaseza de comida, o mozo expón ao seu proxenitor que devece
por comer un anaco de carne, en troca do humilde pan que os dous partillan.
O pai respóstalle que ogalla mude en lobo da xente, co gallo de
nunca lle faltar carne. Aquela mesma noite o rapaz desaparece do fogar
familiar. Comeza o seu ronsel de falcatrudas. En certa ocasión un
viciño evita que poida devorar a
unha rapariga. As veces pódeselle ver baixo fasquía humana.
Ao cabo rematan por matalo botándolle unha corda -á que vai
atada unha pedra- polo pescozo e guindándoo ao río, onde
morre afogado (Gonzalez Reboredo: "Lendas galegas de tradición
oral").
Existe outra version, conto para uns, realidade
para outros, segundo a cal este lobo da xente era de natureza feminina.
Tratábase, como no caso sinalado acima, dunha moza que devecía
pola carne. Enfastiada a súa nai, deitou sobre ela unha maldición,
dicíndolle: inda te volvas lobo para que te fartes. A maldicion,
como de costume, levouse a cabo e a rapaza mudou loba que devoraba as crianzas,
O remate da historia, sen embargo, comporta unha fin leda. Con efecto:
unha noite achábase un mozo, nun sequeiro de castanas, sentado a
par dun lume. Tiña a porta fechada e, por unha fírgoa, viu
a pata dun lobo. Desarmado e con medo gabeou ao canizo. Ao cabo, a porta
cedeu e penetrou un lobo de grandes dimensións. Perante a sorpresa
do home, o lobo tirou a súa pel. deixando ver un corpo feminino
de grande fermosura. De vagar, coa axuda dun lareiro, o mozo foi empurrando
a pel do animal, ate achegala ao lume conseguindo que ardera. A moza tentou
evitalo, mais non lle foi posíbel. Entón veu o mozo, díxolle
que baixara do alto do canizo, referiulle a súa historia, agradeceulle
o feito de librala da súa maldicion e, ao cabo, casou con el (Risco:
"El lobishome" en Revista de Dialectología y Tradiciones populares).
Guía da Galiza Máxica
- Vitor Vaqueiro
Páxina anterior
Escribeme!...