Pontes de Gatín
( V. Vaqueiro, "Guía da Galiza Máxica" )

Liber, Pontes de Gatín. (BECERREA) :

    En Pontes de Gatín, lugar que serve de porta de acceso aos Ancares, existe unha fermosa, aínda que sinxela, ponte medieval. Eis a lenda que testemuña a orixe da ponte e máis o nome da aldea:

    A unha muller preñada aparéceselle o demo en forma de gato, construíndolle unha ponte para que poida pasar con comodidade o río (Chao Espina. "Leyendas de Galicia y otros temas narrativos") . Outra liña da lenda -recollida para quen estas liñas escribe (Vitor Vaqueiro) o día 2 de abril de 1994 a un home idoso en Borqueira-Oselle-Becerreá, na viciñanza das Pontes de Gatín- especifica que os viciños lle mandan ao diabo que lles construíse unha ponte, solicitando aquel en troca unha vida. Sabendo o demo que naquel momento unha muller está en estado de xestación avanzadísima e a piques de parir, impón a condición de que, unha vez constrúa a ponte, os viciños haberán de entregarlle o primeiro ser que naza no lugar. Os viciños aceptan o pacto e o diabo, con efecto, constrúe a ponte.
    Sen embargo acontece que unha gata está tamén a parir e faino antes que a muller. O narrador da lenda deixa entrever que os viciños aceptan o trato co diabo porque sospeitan a posibilidade de que sexa a gata quen primeiro teña descendencia. A viciñanza faille entrega ao Escuro do gatiño ("gatín" na forma dialectal da zona), recén nado, co cal conseguen burlalo.


 
Páxina anterior
Páxina Principal
O que sexa...
1