O lobishome de Doiras

 Nunha aldea das montañas de Cervantes moraban un pai co seu fillo. Un día que se celebaraba festa en Pedrafita do Cebreiro, pai e fillo rifaron porque o primeiro quería que aquel día fixeran queimada, e o fillo insistía en ir á festa. A disputa rematou co enfado do pai, quen berrou:

  -¡Pois vaite á festa, e como vas atrás das mozas, así permita Deus que andes atrás das loba!

¡Nunca tal dixera!

   Unha noite o rapaz acordou na cama; sentíase desacougado, non tiña parada, e rematou póndose os calzóns e saindo á eira. Como unha forza estraña, empurrábao cara ó monte e botouse a camiñar pola encosta arriba.  Chegou a un lameiro e emborcallouse na herba humedecida polo orballo da noite. ¿Por que facía aquelo? Non o sabía. Mais, aconteceu que cando tentou de se erguer, non puido; estaba a catro pés, e a catro pés botou a correr cara ó cumeiro do monte, oubeando coma un lobo, e atrás das lobas andou coma can adoecido.
   Na aldea falouse moito da desaparición do mozo. Falouse tamén dun lobo arnal que xa tiña esgolado moitos años e deixara mortos algúns carneiros.
   O pai do rapaz desaparecido comezou a cismar no caso; lembrouse da súa maldición e estarreceuse. ¿Aquel lobo sería o seu fillo?
   Entón foi ver unha velliña moi vella que disque era meiga e contoulle a cousa.
   -¡Ai, home -díxolle a vella  a maldición do pai e o máis malo que poida haber para un fillo! Un pai non debe amaldizoar o seu mesmo sangue. Mais, se el é, hai che un remedio para voltalo á vida dos humanos Non é cousa doada, pois pódeselle causar a morte, ou el mesmo pódete matar a ti, porque como fera que é perdeu todo o senso dos homes.
   -¿E que hei facer, daquela?
   -Ve se podes facerlle sangue; rnais que non sexa cousa de morte, nin sequera de aleixamento ou mancadura; porque se lle fixeres moito mal, ese mal quedaríalle ó recobrar o seu ser.
   Saíu caviloso o vello de casa da meiga, e moito cavilou de volta para a súa casa en como había facen Mais, inda que se vira en perigo de morte, mellor quería morrer que saber o seu fillo perdido daquela maneira.
   A noite seguinte decidiu ir en procura do lobo. Non quixo levar a carabina porque era de moito perigo. Armouse nada máis dun coitelo; mais portou consigo un rexelo, e atouno ó pé dunha toxeira onde el se agachou entre unhas uces co coitelo na man.
   A media noite viu como o rexelo se estarrecía alporizado e asmou que o lobo se achegaba. Despois sentiu un lixeiro peto, coma dalgunha cousa que tombaba, poida que o chouto do lobo para trabar no carneiro; un espernexar do animal... Paseniñamente, caladiñamente, achegouse...¡Alí estaba o lobo! Chantaba os dentes nas carnes moles do rexelo sen se decatar da súa presencia.
   Como temendo ferir de máis, espetoulle no lombo a punta do coitelo que ceibou axiña no chan. O lobo revirouse arregañando os dentes. O home botoulle os brazos ó pescozo chamándolle ¡fillo, fillo! e pedíndolle perdón, salaiando.
   Daquela a pelella do lobo comezou a se abrir pola ferida, e coma se for un folecho foise desprendendo do corpo. Unha sacudidela, un envorcallarse entre as uces e toxos, e o rapaz ¡o seu fillo! que recobraba o ser, esmaiolado, mais tal como el era antes de amaldizoado.
 

As lendas tradizonaes galegas - Leandro Carré Alvarellos.


Páxina anterior
Páxina Principal

Escribeme!...