En San Ciprián contan que unha criada que tiña que ir moi lonxe buscar auga, berrou un día dicindo que quen lle dera te-la fonte no eigido da casa. Entón apareceulle un señor de levita e bimba de sete pisos, cunha barba postiza, que se lle coñecían as cintas atadas por detrás das orellas, e díxolle que qué lle daría si lle puña a fonte no eigido, i ela respondeu que anque fora unha gota de sangue
    "Es lo que conviene talmente para el pacto" - respondeu o señor, e sacou papel e sacoulle sangue dun brazo, e co sangue escribiu o pauto no papel.
    Pro outro día tiña a fonte no eigido. Máis despois ela estaba repesa, porque sintía que sempre que ía coller auga, o sangue do brazo colaba e deitaba na iauga, e tanto que os amos llo coñeceron, e preguntando e preguntando, ela confesoulle, e iles dixeronlle que tiña que desface-lo pauto, e, pensando ela nesto un día onda fonte, volveu o señor, que era o demo e preguntoulle:
    - Custodia - quela chamábase Custodia - ¿Estás contenta?.
    E si ela dicía que estaba contenta, entón quedaba ligada ó pauto, de xeito que dixo que non, e díxolle por qué, que era porque lle colaba o sangue do brazo.
    Entón díxolle o demo: - "Custodia, miña amiga, dame un beso!
    Máis ela non llo quixo dar, e il dicíalle: "Amén, Amén!" Máis ela non dicía Amén, pq entón era que dicía que sí, i o demo dáballe un bico, i entón quedaba ligada.
    E, ó fin, o demo vendo que non podía darlle o bico, rompeu o papel i a moza quedou libre

    Niste caso foi o demo quen se presentou de por sí á rapaza. Mäis outras veces son homes os que o chaman. Pra elo empregan as evocacións que atopan en calquera dos grimorios satánecos que se venden en tóda-las librerías... Enantes o libro ó que daban máis tino era o famoso de San Ciprián (...) hai outros moitos, que lle fan competencia, cáseque todos son edicións falsificadas de vellos grimorios (...)

 

 O Demo e o pauto

    O demo ten un poder case infinito: cura doenzas, dá fortuna, procura boa vida e dá certo poder pra se poder vingar nos nemigos. Pra conseguir istes favores compre primeiro de nada, falar coil. Os dous modos principás de facer que apareza son os seguintes:

    1.- Guísase unha pita negra ben condimentada con allo e ceboleta (a cebola das varas de San Xosé) e pementa negra; despois das doce da noite vaise a unha encrucillada provisto do guiso, unha botella de viño tinto e un mandil de picote.
    Faise un circo, trázase o sino de chamada (aseméllase á letra hebrea schim) e posto no meio do circo, empézase a comer a pita e beber o viño.
    Cada vez que bebe, ten que dicir: "ou ves, ou voume" , e á terceira vez, aparecerá o dos cornos acabalo dunha cabra. O que agarda ten que deita-lo viño circularmente. O demo saudarao e poranse dacordo.

    2.- O segundo modo de facer surtir ó demo é o seguinte: cóllese unha vaiña de fabocas que teña nove graos e ponse dentro da pía de auga bendita un día que sexa nones, antes que ninguén tome auga, e sácanse ó remata-la misa, despois que teñan saído todos. Fanse dúas velas de sebo dun que teña morto aforcado. Despois das doce da noite alcéndense as velas nunha habitación ben pechada e, antre elas, ponse un crucifixo de boca pra baixo, e sobor da mesa onde estean postas estas cousas, póñense encima as nove fabas, cada unha cun dente de allo ó lado. Pénsase en que o demo pode máis que Deus, e ós poucos instantes, oiense tres golpes na porta; érguese un, e cun allo fai dous riscos hourizontás na pechadura. Inmediatamente entra o demo.

    Non compre adevirtir que o individo non ha ter medo, pois si o ten, o demo ríese e non entra en trato con el.

    Como o demo ten tanto poder, pódense facer tratos con el o principal deles consiste en pedirlle a felicidade nesta vida en troques da ialma. Pra isto faise un documento pondo as condicións en que se fai a venda e fírmase con sangue que o vendedor tira do brazo esquerdo.   

(Revista Nós, nº 55)


 
Páxina anterior
Páxina Principal
O que sexa...
1