A construcción
da ponte
( V. Vaqueiro, "Guía
da Galiza Máxica" )
Na cultura occidental, o símbolo da ponte estabelece a transición entre dous mundos. A etimoloxía de pontifice (pontifex) supón a idea de constructor da ponte. Mais, en xeral, o outro mundo, a outra beira, é a morte. Tal vez porque Lucifer (de lux e ferre: o que leva a luz) usurpa as funcións do pontifice, representante da divinidade, é polo que se ten ao demo por constructor de pontes. Na nosa nación existen varios exemplos nos que se apresenta o diabo en tal actividade. Así, a Ponte do Demo, en Poio, utilizábaa o Maligno para apavorar os frades do convento, botando a moitos deles á auga, até que un leigo atravesou a ponte, desfacendo o feitizo; o barqueiro que, dantes da construción da ponte, atravesaba a ría do Barqueiro-Mañón, mocábase dos demos que facía as súas esmorgas na cova de Monte Furado, ao pé da beiramar.
Consonte con esta crenza existe a tradición de que
a ponte sobre o río Eume a fabricou Satán só nunha noite.
A historia refire que un mozo de nome Ledán afogara no río,
unha noite de treboada, mentres o atravesaba a nado para ir ver á súa
moza. Esta, de nome Minla, filla dos condes de Andrade e de notábel
beleza, que ten noticia do acontecemento polo berro de agonía de Ledán,
promete a súa alma ao diabo en troca de este construír unha
ponte para ela pasar e poder ver o corpo do seu mozo defunto. Lucifer aparéceselle
e confirma que o fará, inda que Minla lle impón a condición
de que a ponte ha estar feita antes de que cante o galo do curral dos Andrade,
pois non desexa que as xentes coñezan a verdade. O demo comeza a construción
da ponte e cando o galo canta inda lle falta por construir un arco. O arco
que falta non pexa que Minla poida pasar á outra beira, mais, por non
cumprir exactamente o compromiso, o demo non pode posuír a alma da
doncela.
A etimoloxía lendaria tenta que aquela ponte se chamou, por tal
acontecemento, Ponte do Demo, pasando posteriormente pola forma Pontedemo,
até chegar á actual Pontedeume. En lembranza deste acontecemento
ergueron os Andrade a capela e o hospital de peregrinos.
Outra versión da mesma lenda atribúe unha
orixe diferente á devandita ponte. O relato é o que segue:
Unha fermosa e rica dona de Pontedeume pasou nunha ocasión á
outra beira do río. Cando tentou dar volta, o río crecera até
tal punto que a barca e os remeiros que nela ían desapareceran. Atricada,
a muller blasfemou en voz alta e, naquel mesmo intre, apareceu Satán
baixo a figura dun mozo garrido, ofrecéndose a pasala outravolta á
beira contraria, impondo como condición que ela, co carimbo que o seu
anel portaba, asinase un documento que, redixido nun pergamiño, lle
tendeu. Así o fixo a dona e, ao instante, apareceu a ponte sobre o
Eume, que ambos os dous comezaron a pasar. Ao chegaren xusto ao medio da ponte,
o demo mostrou o documento que a muller asinara. Segundo el, ela entregaba
a alma ao Adversario, que podería esixirlla cando lle petase e, naquel
mesmo intre, era cando llo esixía. A dona, apavorada, invocou á
virxe que a acudiu, fuxindo decontado o Escuro. En conmemoración e
agradecemento ergueuse unha capela, hoxe inexistente, no centro da ponte (Chao
Espina. "Leyendas de Galicia y otros temas narrativos")