Roldan e as tres costureiras de Puxares
En tempos moi remotos, cando viñera Roldán
a España, din que había en Vilanuide, do auntamento de Quiroga,
tres costureiras que vivían xuntas e soliñas elas tres nun
outeiro algo apartado da población. E di a lenda que eran tres mozas
moi ben feitas e goapas como hai ben poucas, e que Roldán, un día
que as vio ao pasar no seu cabalo, foi tan gustante delas, que, de alí
endiante, todo era vir a apresentarse ao pe da casa do outeiro, pra poder
velas e falarlles.
E din que tanto era o seu namoramento que chegóu
a faguerlles moita cirimonia e regalía, e hasta a velalas polos
camiños cando tiña ocasión.
Pero elas veña a fuxir e decir que non querían
escuitalo, pois creían que Roldán non viña con boas
intenciós, e que o que il pensaba era rirse e burlalas. Pero il
non se apuraba por tan pouco, e todas as tardes viña a cortexalas
e namoralas pola porta, e Ave María, que hasta pensaba de levalas
consigo ás Francias.
I entón elas, xa algo cansadas de velo rondar
a casa día tras día, unha tarde que viñan da súa
aldea, que se chamaba Puxares, enfrontáronse con il, e dixéronlle
que non se cansase máis en seguilas, que non había de conseguir
nada, que non querían tratos con ningún francés, que
se fose de alí prá súa terra e as deixara en paz dunha
vez. Pero il nunca se daba por vencido, e porfióu que, se non se
lle entregaban polas boas, había de ser polas malas, e aínda
tuvo atrevemento pra preguntarles cándo podía vir buscalas.
E van elas e dícenlle:
Hemos de ir contigo ás Francias
cando veña o río Xares
por diante da nosa casa.
I eso llo dixeron elas porque pensaban que era cousa
imposible que tal acontecera, que o río Xares -que hoxe en día
é o Bibéi- pasaba naquiles tempos por outro sitio moito máis
pra diante.
Pero roldán, ao sentirlles decir aquelo,
non perdéu os ánimos, todo o contrario, pois o caso é
que, valéndose de non sei qué meigallo ou demo, foise pola
noite, e tornóu sin máis ni máis o curso do río.
E, aló pola mañanciña, déronse de conta os
veciños do que pasaba, e viñeron todos berrando mismo hasta
a porta das tres mozas.
Costureiras de Puxares
vinde lavar as perniñas
ás augas do río Xares.
E elas despertaron, e tomaron moito medo ao ver o río
pola súa porta, e, con esto, saliron correndo como ánimas
en pena, sin que as vise roldán, que estaba agardando, e colleron
por un atallo, e salváronse de ser presas polos franceses ou polos
mismos veciños, e de ter que cumplir aquelo que tiñan prometido.
I entón fóronse a todo correr cara
o val de Valdeorras, a seis ou sete kilómetros de Vilanuide. E os
soldados viñéronlle coas novas da fuxida a Roldán,
seu señor, que andaba todo contento no seu branco corcel.
I así que sintíu aquelo, botóu
o "nombre del Padre", e foise a escape en seguimento delas, a canta presa
lle deu o cabalo e moi enrabechado polo feito. a tanto, que botaba el pola
boca tantas chispas coma o cabalo polas ferraduras.
E mais elas puideron pasar o río, non se
sabe se voando como meigas ou se coa axuda do diaño. E así
Roldán quedóu nunha veira i elas na outra. E, pra máis,
o cabaleiro francés, dende a súa banda, non sabía
que as tres costureiras seguían corre que te corre cara os poblados
que alí había, no que hoxe se chama a Rúa.
E, busca de aquí, busca de alí, marchóu
solo no seu cabalo branco, sin avistalas nuca, e pensando que xa as tería
tragado o río, hasta que, ao fin, chegóu á altura
de Valencia do Sil, e descubríunas ao lonxe, a uns tres kilómetros,
e co río Sil polo medio.
I entón vai el, con tanta rabia como lle
dera de ver fuxir aquilas condenadas costureiriñas, e que non lle
foran de lei e faltaran á palabra dada, comenzóu a esporear
no seu corcel que daba xenio, e a arreminalo pra saltar o río, e,
de repente, ¡bumba!, o cabalo deu un brinco tan grandísimo
que se plantóu namais que a unhos cen metros das costureiras, de
maneira que deixóu pra sempre na pedra as pegadas das ferraduras,
que aínda hoxe se poden ver, mismo ao pe dun camiño que vai
prá serra.
Logo, as costureiras, que se viron perdidas sin
remedio ao ter xa case enriba delas a Roldán, bótanse ao
chan e comenzan a chamar ao demo, e pedirlle que antes querían ser
convertidas en mármores que verse conseguidas por Roldán.
I o demo acodío de contado, e nun periquete, volvéunas tres
pedras coma tres cabezos nas barbas de Roldán, que daquela debeo
de tolear para sempre.
I esas tres pedras aínda hoxe é día
que se poden ver, anque están xa desgastadas polas cuivias, e tamén
polos rapaces que por alí andan a xogar e a gardar o gando.
Páxina anterior
O que sexa...